Dende hoxe xa podes descargar as fotografías do Certame Galego con máis público de tódalas súas edicións. Nada máis e nada menos que 6000 persoas pasaron nalgún momento por un Auditorio de Galicia que, durante os días 27, 28 e 29 de novembro; acolleu o III Certame Galego de Bandas.
Para facerche máis sinxela a descarga, cada unha das carpetas non pesará máis de 400 megas. Agora, accedendo á sección de descargas deste III Certame Galego, poderás revivir os mellores momentos do evento. A chegada, os nervios na sala de afinación, as risas, a montaxe do escenario, o concerto, a saída... tódolos momentos teñen a súa imaxe.
O traballo de fotografía que agora podedes ver provén das cámaras de Dolores Iglesias Suárez, Daniel Yonte Fuentes e Ricardo Seoane Saavedra.
Toda a maxia do III Certame Galego de Bandas poderala revivir en moi poucos días pois tanto as gravación de audio como as imaxes realizadas por Pórtico Audiovisuais comezarán a aparecer nesta web para deleite de todos.